Amosando publicacións coa etiqueta poesía galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía galega. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de decembro de 2023

Cunqueiro naceu neste día


 Díxenlle á rula: Pase miña señora!
E foise polo medio e medio do outono
por entre as bidueiras, sobre o río

martes, 18 de xullo de 2023

Marisa Roësset: Autorretrato estomballada





Para de min vós serdes esquecidos
nada pode o pesar, nada a distancia;
non pode o ferro, non os tempos idos,
meus recordos borrar, miña constancia:
pois neste mundo todo amor falece,
non esquezades quen vos non esquece.

 

venres, 30 de xuño de 2023

Luísa Villalta: Letras Galegas 2024


O meu nome é o da Cidade Alta
nacido onde a luz e o mar se están orixinando
mutuamente
nacín enfrente de min mesma
cando a Pescadería era un leito de sereas
e a serpe demorada na voz dos meus avós
vento dos ventos.

martes, 2 de maio de 2023

Méndez Ferrín: Señoras do pasado

 Mon prince on a les dam's du temps jadis qu'on peut

                                                Georges Brassens

E quíxenvos moi tristemente a todas
as que forades rapidamente eu (un pouco).
Unha luz nos lugares do estremecemento
e tardes coma rodas de bronce, interminábeis.
Poderosas mañás de rexurdimento e ollos no chan, de amor obtido.
E quíxenvos moi escasamente a todas
porque nas regandixas de eu caben ourizos e sufrir é amor
e nada para o tempo que destrúe os ourizos.
E quíxenvos (queréndome) coma un río que fose
dos meus ollos a vós, as tidas e perdidas,
limítrofes do amor, esquencidas para sempre.
E quíxenvos autente, e case non vos quixen
entre tanto artefacto, construción, mala pedra,
que nos ten envisgados
nas cousas, coma lentos navíos que mainamente esvaran.
Chamo por vosoutras, nomes apenas tatuados
no baleiro e no fume, e reclamo ese espacio
que deixáchedes e que cecais é globo (de lume e desespero).


Señoras do pasado, damas investigadas a través dos ensoños
sobre cabalos nidios, inmóbiles no outono de antano,
sen bris mesmo,
merci por un crepúsculo, ou acaso algún beixo,
ou polos poderosos erguementos do sangue,
ou por sorrisos líquidos a carón da magnolia.

Quíxenvos lenemente, e mesmamente fúchedes
capaces da captura dun anaco de sombra de min,
e fiquei menos.

Inútil esta ollada por derriba do tempo que me outorga silencio,
escamas, arruínas, borralla, meus ronseis.
Quíxenvos fuxidío, oh amigas de antonte,
meu espantoso espello neste solpor que vence.


Con pólvora e magnolias

luns, 1 de maio de 2023

Curros Enríquez: O maio

Aí vén o maio
de flores cuberto ...

Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
e os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o pobre
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! 

Cando eu me atopare
de donos liberto
e o pan non me quiten
trabucos e préstamos,
e como os do abade
florezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? 


Cantádeme un maio
sen bruxas nin demos;
un maio sen segas,
usuras nin preitos,
sen quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

mércores, 26 de abril de 2023

Discurso das mil primaveras (24.04.1980)

 "Louvado sexa Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, por terme ensinado a dicir ‘rula’ e ‘abidueira’ e ‘dorna’ e ‘ponte’ e ‘fonte’, e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte. [...]

Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: “Aquí xace alguén, que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.

sábado, 22 de abril de 2023

George Daniell: Hudson River, 1934



Agora que regresa a primavera
por riba de Seivane nas terras de Abadín
e vai deixando sámago nos bimbios.
Agora que retornan as floracións antigas
e unha bris delicada fragmento de escritura
vai liberando a alma.
Agora me decato da presenza do amigo
cando as aves concertan o equinoccio celeste
e os bois en Lamanide
levan na cornamenta unha roda solar.
Atrás quedou a aldea
a páxina purísima escrita en neve
o principio da patria
a pureza inocente que respiran os nenos
e dá tempero á alma.
Luz Pozo Garza

xoves, 2 de marzo de 2023

Cantiga nova que se chama Riveira (1933)

No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quen puidera namorala!
Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quen puidera namorala,
meu amigo!
Ten ares de flor recente,
cousas de recén casada,
meu amigo!
Quen puidera namorala!
Tamén ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
Quen puidera namorala,
meu amigo!

 

luns, 23 de xaneiro de 2023

CANCIONEIRO DAS RIBEIRAS DO TEA (1929) / Fermín Bouza Brey e Luís Brey Bouza



 AMOROSAS 


                             
O loureiro raíz de ouro
bota folliñas de prata...
Coller amores non custa
olvidalos si que mata.


Atrévete, queridiño,
atrévete, venme a ver.
As cartas son escusadas
para quen non sabe ler.


Fuches falar mal de min
a xunta dos meus amores,
fai de conta que botaches
auga por riba de flores.

sábado, 29 de xaneiro de 2022

Olga Novo: 29 de xaneiro do 2002 (poema de A cousa vermella)

 Querida mamá: estou aprendendo a ladrar.

une saison en enfer. repite comigo Une-Saison-En-Enfer.
trinta xeracións de meu analfabetas Eu estou aprendendo a ladrar.
marcar un nunca territorio coa epiglote
coma un cadelo coma un can de palleiro
escadelearme ata volver en min en can entón pronuncio
Walt Walt
Walt Whitman mamá.

estou aprendendo a ladrar.
póñome de cu pró sol agárrome a unha aixada e
tento imitar o son do cuco do cuco de cu pró sol entón
a miña gorxa esprémese de dor
e oulan coma nunca os futuros posibles que nos fan esbombar as veas
coma unha pota de leite na lareira.

os ollos do meu amor levan dentro
o troupeleo dos chocallos uncontrautro uncontrautro
da novena sinfonía de Gustav Mahler
mamá.

e eu míroche prós ollos prós olliños estás tan cansa
pero eu non e aquí
é o intre da furia can
escoito con atención a campá de cris
tal dos teus soños incumpridos
coma unha escultura delicada de Brancusi
de Cons tan tín Brancusi.

unha vez e outra vez o corazón grandísimo
igual ca unha cerrota andoa o outono es ti ou ou ou loba
velaquí me tés bailando berrando choutando
unha mestra gutural un volcanciño gutural
coma Virginia Woolf coma Virginia Woolf coma Virginia Woolf.

eu míroche prás mans podería lamberche as cicatrices das mans
ata que deran luz
e curarche as hernias discais cun só verso alexandrino
cunha sílaba de centeo cru cun oh-là-là e despois despois
contar unha por unha as túas canas enraizadas nas idades do mundo
a túa lingua plantígrada mamá
podería mesmo reestructurarche a osamenta
co implante dunha canción anarquista.

ás veces sinto a dor sedimentándose
lámina
por
lámina
coma a pizarra:
é un esguince emocional chantado na caluga
e para ladrar así ás veces é preciso chorar iodo
abrir os xeonllos cunha gadaña ata ver o sol tan preto
a tres centímetros do iris
mamá
eu tiña que mamar da túa médula
asombrar o mundo cando che baixa a compaixón ás caries
e ós peitos
caídos
co cansazo.

para poder ladrar eu tería que rillar durante anos
a túa alerxia ó pó á peluxe dos chopos
a túa anemia circulando en sentido inverso polo sangue
tería que ir contigo enterrar ó teu irmán de vintesete anos e
apretar a meixela para non tronzar a lingua
coa súa tuberculose                                      mamaíña.

ben sei eu que para poder ladrar
tería que ir contigo á miña infancia
e verme case morrer deshidratada
e pregarlle á virxe na que non cres
que me devolvera á vida de tres meses e medio
e soldarme no teu colo para sempre
coma unha peza de ferro do teu ventre.

non penses que non sei que para poder ladrar
tería que ir contigo ás derradeiras horas
da mamá Carmiña agarrada ás catro puntas do seu pano
e ó teu bazo.

ben o sei ben sei eu todo
que para eu aprender este ladrido
á fin fixeron falla
mil mulleres lavando a reo no río de Saá
e mil arando e dúas mil cosendo e cinco mil
apañando cozas e garabullos no medio do monte e Ti
sobre todo ti plantando pinos nun serragoto inmenso
desaprendendo canto es
esfuracando as túas dúbidas.

Querida mamá: estou aprendendo a ladrar.

alguén me ve abríndome a queixada ata que a fendo e digo xa
xa ladro ou coma o can non non
coma Camille Claudel coma Camille Claudel coma Camille Claudel
coma Camille mamá no mármore
coma Camille
coma Walt Whitman Walter Benjamin vou mamá
vou deica ti
vou eu vou
outa
outa
ouh...

luns, 4 de xaneiro de 2021

Lois Pereiro: Poderíano escoller como epitafio




Cuspídeme enriba cando pasedes

por diante do lugar en que eu repouse

enviándome unha húmida mensaxe

de vida e de furia necesaria.


De Poesía última de amor e enfermidade

mércores, 2 de setembro de 2020

Anxo Angueira: "O Valo de Manselle"

 Por entre a néboa que asolaga a codesosa,
Ovidio o da Ministra vén.
Ferro do monte ao lombo, 
Fernando o da Couta vén.
Pola encosta da Ermida,
Alfredo o de Lina vén.
Pedindo lastre, Antonio o de Calo vén.
E vén seu sogro, Moncho o do Serodio vén.
E vén Valentín, Valentín o de Monisa vén.
E vén Marucha a da Olia e a Cardoña
e Otilia a de Neto e Berta a da Romera
-deixano ao lume a ola de caldo para sempre-,
as mulleres vén.

A música calada, a soedade sonora