Amosando publicacións coa etiqueta Otero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Otero. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de marzo de 2023

José del Castillo: Carlos VII de Nápoles, despois III de España


A solemnidade raiolante do Dezaoito asosegaba nas mariñas galegas. O século: goberno petrucial de reis bos, devotos, cazadores, ministros de casaca cor cereixa rexendo amodiño o maino maestoso da Monarquía Absoluta. Lembraba un bosque secular e outonizo, dourado por un sol que como unha onza borbónica cortexada polas lises, se cortaba en dous no horizonte mariño para alumear a España e o dobre imperio dos trópicos. Polo bosque cruzaban xeometricamente os grandes camiños reais; pasaban, ao lonxe, cazatas de tapiz antigo; cortábanse os valentes carballos para traballar nos recunchos das ribeiras outros bosques de navíos que enchían coma frotas de baleas as augas salgadas. Algúns arboredos acougaban melindrosos xardíns, onde os violoncellos rimaban o bailado prolixo das donas. Mais todo o bosque se demarcaba en chaos diferentes; cada anaco, cada rexión, gardaba a forza calada do seu vivir antergo. Ás veces, os aires de fóra esgallaban con estrondo algunha forte póla e salferían, un instante, arrecenderes inquietantes. Deseguida voltaba a solemne calma do solpor demorado, e os xuristas e secretarios de despacho, os sabios e os proxectistas, vestidos coa casaca, rizados os encaixes, o sombreiro de salón baixo o brazo, ideaban novas medidas para maior felicidade dos pobos. O mar cargaba as despaciosas frotas de barcos que traían as pedras estrañas, as madeiras ricas como as xemas, a prata dos aztecas e dos Incas. Prata barroca arrincada da entraña das montañas, tan altas que o alentar nelas é dificultoso, polos homes cor do cobre, tristeiros e saudosos, e polos negros relucentes como a noite suorosa na escuridade das minas. A prata acuñada en pálidos pesos e amontoada en moreas nos soterraños das oficinas! O ouro das onzas, co perfil borbónico e as armas abranguendo os hemisferios. Un Gulfstream de ouro e prata batía nas costas ibéricas e as súas escumas ían erguendo as fachadas barrocas, ordenaban as rúas feitas para o decorrer de oda ou de silval, das procesións e das festas, traballaban as madeiras dos coros e gardaban o grande vento dos órganos. Co ouro e a prata das Américas poderíase erguer unha catedral maxestosa, alapeada en apoteose soberbia polas raiolas longas, horizontais, verdecentes de mar, do sol quieto da monarquía do dereito divino.
Ramón Otero Pedrayo: Os señores da Terra, in Os camiños da vida (capítulo III)

xoves, 2 de decembro de 2021

Otero: Arredor de si

Meu fillo, vai ao despacho e descolga aquel mapa grande... Quero velo antes de morrer... O sobriño coa axuda do señor Pascual trouxo á alcoba o mapa de Fontán. Pendurárono da parede. Os ollos do enfermo reviviron. A man figuraba sinalar horizontes. Unha pura alegría animaba a cara muchiña e branca. Adrián cunha vela na man ía alumando os lugares que o vello dicía con voz lonxana: Corme, Laxe, Camariñas, Niñóns... Adrián non sabía sempre atopar os sitios. O enfermo falaba:

-"Non, á dereita, á esquerda, un pouco ao norte”. A vela alumou longamente un nome e o sitio de Compostela. Adrián lía nomes de montes, de ríos, de ermidas. A luz ía seguindo os trazados dos camiños.
Adrián sentíase conmovido ata o máis fondo do seu ser. Tremándolle a man foi alumeando todo o camiño de Santiago, a terra de Ourense, as dúas aldeíñas xemeas do val onde eles estaban, parou un instante como un cirio funeral no nome do pobiño no que morría D. Bernaldo e logo foi recorrendo todo o debuxo das fronteiras e costas da Galicia: Don Bernaldo xa non falaba. Sorría.
Un rumor como da derradeira auga dunha fonte que se enxoita. Don Bernaldo morría docemente, e unha negra sombra corría sobre o mapa de Galicia.

sábado, 21 de agosto de 2021

Otero Pedrayo: O mapa de Fontán (La Noche, Santiago [2/XII/1947])

Algunha elocuencia era precisa nas Aduanas para xustificar aquel longo paquete de bodega, moi fraco para tapiz de luxo, sospeitoso como os tipos asubiados topados nos camiños, mapa sentimental que non esperta os receos das Chancelerías nin dos Estados Maiores. Cando o miramos subir ao barco no peirao de Alcántara de Lisboa, puidemos subir nós tamén todos, como dicíndolle á nao aquilo do fermoso himno:
Toda Galicia vai nela.
De boa gana teriamos desenrolado na cuberta a ilustre lección de Fontán. Baixamos a miralo no seu cadaleito de ripias. Que saudade levaría de luz e nubes e ceos docemente matizados! Moitas veces na inqueda larganza do mar imaxinaba vales galegos e costas verdecentes a infinda caridade das ondas para os contemplativos. Entón sufriamos polo mapa ás escuras.
Xurdiu á luz do outro hemisferio, trocadas as sazóns no inverno (cando en Moraña son novos os millos) nunha sala de conferencias. Palpebrexou un pouco sorprendido do novo ceo, pero de seguida a luz de moitas miradas galegas devolveulle a confianza. E luciron as feituras das serras, os encaixes das costas, a graza dos vales, en lume as cruces do arcebispado e dos bispados, ofrecéndose xentís as pontes, brillando as torres e os vidros como nas mañás outonizas cun esculcante e gasalleiro sol.
Centos de olladas galegas o consideraban. En moitas houbo bágoas, en todas a ledicia dunha revelación, lembranza feita de súpeto corpo e claridade diante dos ollos. Naquela conferencia deuse un caso marabilloso e quizais único na historia das conferencias: era o mapa quen guiaba e falaba polas palabras do conferenciante, que repetía como un “altoparlante” o que baixiño dicían o vento nas carballeiras, o devalar das ondas nos areais, o madurecer dos pomareiros, e aquel devalar maino e potente da lingua galega no seu ámbito, berce e altar. Era o mapa quen falaba operando taumaturxicamente coa graza e a beleza dos nomes na lembranza. Algúns pequeniños de lugares arreconchegados espallaban potente luz. E na imaxinación dos emigrados a campá do seu lugar, o acento da súa comarca, subían das néboas mestas a unha nova e consoladora verdade. E coa derradeira frase ritual das conferencias comezou a interna lección do mapa. Agora falaba baixiño ao ouvido e ao corazón de cada un. Tiña para todos amores e lembranzas. Dedos murchos de vellos que temen ser enterrados en “Chacarita” procuraban polo Salnés, por Lemos, tocar un nome, seguir un camiño de rapaces e primavera. Mans de nais guiaban aos seus fillos, mostrándolles no mapa términos e paisaxes amados como nun Nacemento se mostran os vieiros dos Magos e dos Pastores. Homes de traballos e azares tiñan expresións graves e conmovidas. E cando no balbordo das conversacións e lembranzas puido franquear un camiño, unha señora velliña, co seu sombreiro e abrigo doutro tempo, chegándose guiada por un instinto de amor, bicou longamente un nome no mapa. Toda a grandeza da Carta Xeográfica de Fontán viuse aloumiñada por unha divina claridade de consolo.

sábado, 14 de setembro de 2019

O fidalgo

 1855

No salón etiqueteiro da Rúa Nova, algunhas donas agardan impacientes. O coro das señoras maiores tamén agarda. Mais don Xoán non aparece. Pola porta só entran señoritas coñecidas. As de sempre. Noutro sarao, a elegancia montesía de don Xoán deixou sementadas flores de esperanza polo xardín das vidas femininas. Don Xoán, deica a mañá, deita onzas e onzas na mesa de xogo. [...] Leva trasfegadas moitas xerras de viño, pois el despreza os licores finos e as bebidas da cidade. Os parasitos extreman a súa admiración. Don Xoán, gardando unha superioridade sen decatarse diso, vai botando na mesa, en onzas como soles, centos de tegas de centeo, parellas de bois ornatos dos feirais e pasmo dos labregos, sementeiras, nabeiras, toradas de vellos carballos, dos que rexistran como arquivos nos fermosos circos do seu tronco, o maino e seguro decorrer das sazóns; mollos de viño, dereitos de señorío.

1885

Unha oficina polo serán. Chuvia nos vidros lixados. Fedor de cabichas. Traballo extraordinariio. Medo á chegada dun novo xefe. Testas encol das mesas. Don Xoán na súa. Como fidalgo, é moi dado. Nin lle parece mal que un antigo zapateiro, que lle fixo nun tempo moi boas botas de caza, lle fale desde a mesa veciña: "Ola, Juan". Don Xoán tiña unha serra de expedientes riba da mesa. [...] Don Xoán non sabe por onde comezar. Quizais pensa: "Como esstará a bodega do Ribeiro? O novo amo desfaría aquela pipa vella de carballo". [...] Don Xoán, saíndo da oficina, non quere mirar un grupo de rapazas que pasan. El ben coñece a figura da súa filla, a máis elegante. Leva ao seu carón un noivo. Un empregado de almacén. Don Xoán, cruzando diante do casino, por pouco o collen os cabalos dun coche. O cocheiro para, báixase, dille: "Señorito, dispense". Foi servidor de don Xoán. Dentro do coche, a figura do prestamista parece unha sardiña en lata. Fai que non ve a don Xoán. Ten medo dunha labazada. "Boh, o caso é que teño pazo fidalgo con escaleira de corte e escudos en Compostela", pensa acochándose coma un raposo.

Don Xoán, con dous retirados, pasea baixo os arcos da rúa. Horas sen remate. Mais el figura non decatarse. As fillas estarán cosendo e non convén estorbalas.

R. Otero Pedrayo: O fidalgo e outras narracións

A música calada, a soedade sonora