Amosando publicacións coa etiqueta megálitos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta megálitos. Amosar todas as publicacións

mércores, 12 de outubro de 2022

Arca do Rabós (Baíñas. Vimianzo)



A Arca do Rabós é un monumento megalítico de grandes dimensións no que se conserva parte do túmulo de terra de aproximadamente 20m de diámetro e 1,5m de altura. No centro do túmulo obsérvase unha violación que deixa ao descuberto os restos dunha anta con cámara poligonal e corredor orientado ao sueste. O dolmen aparece bastante alterado pero conserva polo menos 3 laxes do corredor, 2 da cámara e a tampa de cubrición da cámara parcialmente rota.
Este monumento megalítico forma parte dunha das necrópoles megalíticas de maior tamaño da Costa da Morte como é a do Chan do Rabós e Chan do Cabral. Á outra beira da estrada pode verse outra das mámoas que compoñen a necrópole.

Pedra da Arca (Baíñas. Vimianzo)

É unha das antas mellor conservadas de Galiza. Apréciase ben a estrutura orixinaria do dolmen, con cámara poligonal e corredor de entrada desenvolvido cara ao leste, para que os primeiros raios do sol iluminen o interior. Nunha das lousas verticais consérvanse restos de pintura e gravados abstractos. As dimensións impresionan: a mámoa ten 28x30 metros de diámetro e só a tampa da cámara pesa arredor de quince toneladas. En 1933 os arqueólogos alemáns Georg e Vera Leisner tamén visitaron este dolmen.
No interior da cámara consérvanse tamén restos de gravados e pinturas vermellas prehistóricas. O motivo máis destacado dos gravados é un deseño localizado igualmente noutros dolmens do noroeste como Dombate, a Anta de Espiñaredo ou, perto do Douro, en Chá de Parada. Foi chamado «The Thing», pola arqueóloga irlandesa Elisabeth Shee e o termo popularizouse ata hoxe en día.

Arca da Piosa (Sta. Sía de Roma. Zas)


Atópase nunha finca forestal composta por eucaliptos, estando inserida nunha mámoa de grandes dimensións. A cámara da anta alcanza uns tres metros de lonxitude, constituída por catro grandes esteos cunha gran lousa cobertora. O corredor alcanza o metro formado por dous esteos cubertos por unha lousa esnaquizada en tres anacos que, á súa vez, están cubertas por outra gran lousa cobertora.
Aquí situou Pondal a tumba do guerreiro celta Brandomil. En palabras de Lema Suárez«O poeta Eduardo Pondal personificaba nas súas poesías os ancentrais topónimos das comarcas da Costa da Morte converténdoos en heroes. Así, o bardo bergantiñán transformou os nomes de tres parroquias do val do río Xallas en tres heroicos guerreiros celtas: a moza Maroñas —intrépida virxe guerreira—, Brandoñas —o forte— e o valente Brandomil. No estro pondaliano, o heroe Brandomil caería morto loitando contra o invasor romano, e tería na Arca da Piosa o seu monumento: un rudo mausoleo construído con grandes pedras».

A Pedra da Lebre (Serramo. Vimianzo)

Chegou moi estragada aos nosos tempos e sen rastro da mámoa. Fáltanlle varias antas e outras están movidas do sitio. Con todo, distínguense 5 chantas verticais e as tampas que cubrían a cámara poligonal, hoxe descolocadas. Este dolmen, como moitos outros, está situado no límite de dúas fincas, e é que era habitual que as mámoas e outras pedras megalíticas se utilizasen para marcar o territorio por seren visibles ao lonxe.

Dolmen de Pedra Moura (Carnio, Vimianzo)


A anta, de 4 metros de lonxitude, está bastante deslocada do emprazamento orixinal debido ao movemento de terras e das pedras cobertoras. Apréciase o corredor de entrada con tres pequenas chantas verticais. A mámoa tiña uns 15 metros de diámetro, pero foi case destruída por completo. A Pedra Moura conserva bastante ben a estrutura megalítica co seu dolmen de corredor parcialmente cuberto polo túmulo de terra. Este túmulo ou mámoa contaba tamén cunha coiraza pétrea que a recubría e que foi en parte alterada no ano 1989.

Consérvanse restos de pintura prehistórica vermella e negra sobre un revoco branco en diferentes laxes, aínda que son dificilmente perceptibles. A datación destas pinturas lévanos ao 4000-3600 a.C.

Dolmen de Pedra Cuberta (S. Miguel de Treos. Vimianzo)


Trátase dun dos dolmens máis destacados do noroeste peninsular. E é que en 1933, coa chegada dos arqueólogos alemáns Georg e Vera Leisner, documentáronse nel unhas das primeiras pinturas megalíticas da Europa atlántica. As pinturas cubrían practicamente todo o interior do monumento. Os deseños son xeométricos, principalmente liñas onduladas en vertical e horizontal e tamén algúns círculos concéntricos e triángulos, en vermello e negro sobre base branca.
A súa forma foi alterada no século XX con dinamita. Conserva a tampa do corredor e as laxes verticais que conforman cámara e corredor.

A música calada, a soedade sonora