Amosando publicacións coa etiqueta Pereiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pereiro. Amosar todas as publicacións

luns, 28 de marzo de 2022

Pereiro, Lois (1995): Luz e sombras de amor resucitado

Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
á miña retirada preventiva
dunha batalla que xa sei perdida
resolto a non entrar xamais en ti
pero non á tortura de evitarte.

Pereiro, Lois (1995), Luz e sombras de amor resucitado

 

luns, 16 de agosto de 2021

Foto de Levan Kiknavelidze e poema de Lois Pereiro

Foto de Levan Kiknavelidze


Que lle podo ofrecer a quen me intente?:
días contados de paixón inerte
e amor eterno sempre compartido
coa débeda obrigada a unha existencia
amortizada en pagos usurarios
conxugando os verbos vivir e amar
en primeira persoa do plural
reducidos ás formas do presente.

Que lle podo ofrecer a quen me intente
se son un fío solto da esperanza
tecida e destecida
por Penélope?

luns, 4 de xaneiro de 2021

Lois Pereiro: Poderíano escoller como epitafio




Cuspídeme enriba cando pasedes

por diante do lugar en que eu repouse

enviándome unha húmida mensaxe

de vida e de furia necesaria.


De Poesía última de amor e enfermidade

mércores, 20 de maio de 2020

Lois Pereiro: "Cartografía" (in Poemas, 1981-91)



Cal morto xa

ou vencido

falo sen min

e durmo

no desastre


Debera ser posible

facer mapas do odio

e os húmidos monólogos

das cisternas

de noite

descifrar 

domingo, 3 de maio de 2020

XXII (Lois Pereiro: Poesía última de amor e enfermidade, 1995)



 O desamor, brutal amputación

ou atrofia dun soño maltratado,

debería ser sempre un íntimo ritual

representado en salas clandestinas


Interpretando orgánicos monólogos

recitariamos con fluidez a dor interna

dos nosos tristes ósos

cando o amor se dilúe en hemorraxias

de líquidos desexos

abortados

A música calada, a soedade sonora