domingo, 19 de marzo de 2023

José del Castillo: Carlos VII de Nápoles, despois III de España


A solemnidade raiolante do Dezaoito asosegaba nas mariñas galegas. O século: goberno petrucial de reis bos, devotos, cazadores, ministros de casaca cor cereixa rexendo amodiño o maino maestoso da Monarquía Absoluta. Lembraba un bosque secular e outonizo, dourado por un sol que como unha onza borbónica cortexada polas lises, se cortaba en dous no horizonte mariño para alumear a España e o dobre imperio dos trópicos. Polo bosque cruzaban xeometricamente os grandes camiños reais; pasaban, ao lonxe, cazatas de tapiz antigo; cortábanse os valentes carballos para traballar nos recunchos das ribeiras outros bosques de navíos que enchían coma frotas de baleas as augas salgadas. Algúns arboredos acougaban melindrosos xardíns, onde os violoncellos rimaban o bailado prolixo das donas. Mais todo o bosque se demarcaba en chaos diferentes; cada anaco, cada rexión, gardaba a forza calada do seu vivir antergo. Ás veces, os aires de fóra esgallaban con estrondo algunha forte póla e salferían, un instante, arrecenderes inquietantes. Deseguida voltaba a solemne calma do solpor demorado, e os xuristas e secretarios de despacho, os sabios e os proxectistas, vestidos coa casaca, rizados os encaixes, o sombreiro de salón baixo o brazo, ideaban novas medidas para maior felicidade dos pobos. O mar cargaba as despaciosas frotas de barcos que traían as pedras estrañas, as madeiras ricas como as xemas, a prata dos aztecas e dos Incas. Prata barroca arrincada da entraña das montañas, tan altas que o alentar nelas é dificultoso, polos homes cor do cobre, tristeiros e saudosos, e polos negros relucentes como a noite suorosa na escuridade das minas. A prata acuñada en pálidos pesos e amontoada en moreas nos soterraños das oficinas! O ouro das onzas, co perfil borbónico e as armas abranguendo os hemisferios. Un Gulfstream de ouro e prata batía nas costas ibéricas e as súas escumas ían erguendo as fachadas barrocas, ordenaban as rúas feitas para o decorrer de oda ou de silval, das procesións e das festas, traballaban as madeiras dos coros e gardaban o grande vento dos órganos. Co ouro e a prata das Américas poderíase erguer unha catedral maxestosa, alapeada en apoteose soberbia polas raiolas longas, horizontais, verdecentes de mar, do sol quieto da monarquía do dereito divino.
Ramón Otero Pedrayo: Os señores da Terra, in Os camiños da vida (capítulo III)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora