mércores, 29 de marzo de 2023

Sargadelos: Terceira época

 Na terceira etapa a oferta de produtos é sensiblemente maior ca nas etapas anteriores, xa que, ademais de pezas pintadas e en branco, comezaron a fabricar as estampadas.

A diversidade de pezas vén determinada polo consumo de novos produtos e novos costumes, que colmaban as expectativas da nova clase media que intentaba impresionar os seus invitados servindo grandes manxares nas súas vaixelas específicas, como marcaba a etiqueta, e sen que lles supuxese un elevado custo. 

As pezas vendíanse soltas, polo que o usuario podía adquirilas segundo as súas necesidades, desde a vaixela máis sinxela ata a máis completa, que podía estar constituída por varias sopeiras de diferentes tamaños, partindo da de uso individual ata a de doce comensais; pratos sopeiros; unha maior cantidade de pratos chans; fontes de diferentes formas, segundo para que estivesen destinadas; salseiras, co seu prato e o seu cullerón para servir; fontes con pociño onde se recollína os mollos dos asados; fontes chás, fonda, outras cubertas para servir legumes e que se mantivesen quentes; fontiñas para encurtidos; oveiros para os ovos pasados por auga; saleiros; pementeiros; ensaladeiras de diferentes formas; xerras e gardapanos de mesa. Para as sobremesas tamén había un gran despregamento de pezas, desde os pratos, máis pequenos cós chans, ata unha grande variedade de froiteiros, compoteiras e cuncas para doces.

Despois de xantar ou cear estendérase a moda de tomar café, para o que existían completos xogos de taciñas cos seus pratiños, xerras para o leite, cafeteiras e azucreiras, cun tamaño que agora nos parece desproporcionado, pero hai que ter en conta que non se descobre o azucre moído ata 1860. Ademais, sempre se engadían cuncas grandes a maiores.

Influenciados pola moda inglesa de tomar o té, que á súa vez estaba importada das colonias, en Sargadelos fabricáronse tamén xogos con cuncas e pratos, teteiras, leiteiras e azucreiros, aos que se podían engadir fontiñas para a manteiga, copas para doces e fontes para pasteis e tortas.

O enxoval dunha casa completábase coas pezas de tocador, constituídas por xaboeira, cepilleira e algún bote para creas, ás que habería que engadir as de uso hixiénico, como son as almofías, xerras de lavabo e ouriñais de diferentes formas.

María Figueroa Quiroga: A louza de Sargadelos. Colección do Museo provincial de Lugo (p.65)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora