venres, 26 de agosto de 2022

"Galiza foi un reino poderoso recoñecido en toda a Europa"

Ás autoridades educativas non lles interesou explicar que a Galiza foi unha vez un reino que ía desde Coimbra até León, e que tiña en Lugo e Braga as súas principais cidades. No seu lugar, fálasenos dos reinos de Asturias e de León. Ben, pois o sorprendente é que nin Asturias nin León se mencionan como reinos en ningunha crónica altomedieval. 

O nome con que se coñecía a ese reino do noroeste non era outro que Gallicia ou Gallaecia. E ademais é o normal, porque o territorio xa levaba séculos chamándose así, desde a época romana. O problema é que todo isto desmonta o mito da España eterna. Non se quere asumir que o Reino de España é unha creación do século XIX. Aínda así teño que dicir son optimista. Cada ano hai máis publicacións, investigacións e descubertas sobre o reino. E é que cando algo é tan evidente é imposíbel que non saia á luz. [...]

Se tivese que escoller un [rei da Galiza] sen dúbida sería Teodomiro. É verdade que non sabemos tanto del pero demostrou ser rei dunha Galiza unida. Teodomiro era un rei de orixe sueva, si, pero era ante todo un rei nado na Galiza e sen dúbida falaba unha lingua romance que pouco a pouco se estaba a converter no galego.

Ademais, demostrou visión de Estado. Organizou internamente o reino e convocou o primeiro concilio do reino, que di moito sobre el. Despois, a nivel internacional, foi consciente da ameaza que supuñan os visigodos e trazou alianzas cos bizantinos e cos francos. Tamén soubo promover a Martiño de Dume, que era todo un erudito, e confioulle a educación do seu fillo. Para min representa o esplendor da monarquía sueva. [...]

Os visigodos de Hispania declararon a guerra á Gallaecia no ano 585 e sabemos que Leovixildo, que era entón o rei visigodo, destronou o noso rei Andeca. Parece que os visigodos se fixeron co control da Gallaecia, pero o que pasou despois xa non está tan claro. Desde logo, a monarquía visigoda tardou en controlar o territorio. Do que non hai dúbida é de que os reis visigodos eran totalmente conscientes de que a Gallaecia era un país distinto do seu. Só hai que ler as leis visigodas e como estas se facían para ser aplicadas en Hispania, no sur da Galia e na Gallaecia. Fáltanos información pero está claro que a influencia visigoda aquí foi moi limitada. Galiza xa tiña unha personalidade propia moi marcada. O mito daquela España visigoda unificada xa non se sostén a día de hoxe.

Entrevista co profesor Alexandre Peres Vigo en Nós Diario, aquí

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora