domingo, 23 de febreiro de 2020

A Santa, de Asorey


Realizada en madeira policromada e de case dous metros de altura, a escultura Santa é unha das pezas máis destacadas de Francisco Asorey, e tamén dunha das obras de arte galegas máis significativas do pasado século, polo potente e provocador simbolismo co que representou a muller galega, rachando cos códigos estéticos predominantes na época.

Foi presentada en 1926 na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid, onde o escultor cambadés levaría a primeira medalla con outra obra, San Francisco. Santa, pola súa banda, provocou gran sorpresa pola súa representación dunha labrega galega cun corpo espido marcado polo duro traballo –nunha imaxe moi afastada da figura feminina idealizada que predominaba na arte de principios do século XX– e portando ademais un xugo de vacas, o que potencia a mensaxe de traballo e sometemento.

A imaxe orixinou un amplo debate, dando lugar a discusións arredor da representación do corpo da muller e tamén ao fío da lectura política da obra, que se asociou aos esforzos da muller labrega pero tamén se entendeu como un símbolo da situación da Galicia da época.

A obra sería cualificada na prensa da época como “dun realismo cru, brutal”; “dunha orixinalidade, atrevemento e beleza que só un artista de excepcionais facultades pode concibir e executar”, ou “a obra máis orixinal, máis dotada de virtualidade estética e de resistente valía que hai na Exposición Nacional”. Anos despois, nunha entrevista á prensa en 1956, Francisco Asorey consideraría esta escultura como a obra da que se atopaba “máis satisfeito”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora