mércores, 3 de maio de 2023

O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca

 XORNADA I


Unha sala no castelo de Elsinor. Paredes núas, afumadas. Onde non, pousa o mofo verde que brilla en esmeralda ou ouro vello cando roza a raiola do sol ou a luz das lámpadas. Á dereira unha grande escaleira de pedra que sobe á Torre dos Esperteiros. Á esquerda, unha cheminé; no fogar arde un lume canso. Altas bóvedas e podentes trabes de carballo. Unha única fiestra ao fondo, aberta sobre a néboa da mañá. Aquí e acolá, nas paredes, fiteiras e seteiras. A sala é terrea. Non se escoitan os pasos da xente. O coro baixa amodo pola escaleira. Un fato de xentes escuras, sen idade nin sexo, que vesten roupas pardas ou da cor do fume e do mofo, que arrimadas ás paredes, confúndense con elas. A parte do coro vana declamando como por quenda, as xentes estas, adiantándose do mesto grupo para dicila, e volvendo presto ao anónimo. Voces, as do coro, súbitas unhas, apaixonadas outras, outras graves e reflexivas.

ESCENA I
O Coro
Deténdose na metade da escaleira, apoiando as mans na baranda.
Benvidos a Elsinor, señores! Aquí en Elsinor todo temos pechado por mor do vento. Non hai no mundo lugar máis ventado que Elsinor. Todo ten que estar dentro: a xente, o gado, o xardín. E é por culpa do vento irado. A ninguén lle prace saír de Elsinor con tanto vento fóra, semellante a un grande exército ouveador que cercase Elsinor por toda unha longa noite. Por eso os de Elsinor somos xente de pálida pel. Quen sae ao campo en Elsinor?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora