venres, 19 de maio de 2023

Diego Ameixeiras: A cidade, as amigas, o aire

 [...] Na casa onde medrei, no salvaxe Ourense, non había libros de escritores reconcentrados, dispostos a mudar o rumbo das letras universais. Había novelas de Silver Kane, de Marcial Lafuente Estefanía, de Curtis Garland. Fábulas que corrían de man en man. Historias que cubrían a necesidade elemental de soñar, de correr libre por un deserto de Texas aínda que vivises en Allariz, Baiona ou Ribadeo. De volta de Valencia, en homenaxe privada a Kane, sorprendeume a noitiña lendo Fabricantes de difuntos No preguntes la hora al muerto. Remateinas co desexo de cruzarme con Joan Crawford na escaleira do edificio, cando me dispuña a tirar o lixo coa fantasía de ser Sterling Hayden en Johnny Guitar. Días antes, a esa mesma hora, tamén me dirixira ao portal. Os meus veciños aplaudían. Pasaba unha carreira nocturna pola rúa. Entre os últimos, entre os elementais, lonxe da autoridade dos primeiros, corría unha Joan Crawford rediviva, estrela inmediata da noite. Corría de vagar, corría fermoso. Corría de acordo coa súa maxestade. Veterana, supervivente, xa invencible. Elemental. Pareceume que corría recitando un emocionante poema de Roxana Crisólogo que descubrín grazas a Cristina Rivera Garza, e que agora resoa na miña cabeza cando ás veces me boto a correr polos parques: «Me tomó doce horas llegar tan al norte / que el viaje se convirtió en huida / Huir fue mi velocidad». Conmoveume vela desaparecer na curva. Corría devagar, en efecto. Corría febril e colorada. Incansable. Corría como llo permitían as forzas a unha Joan Crawford que o viviu todo. Fuxir era a súa velocidade. Corría triunfal ao anoitecer, con saltiños curtos. Corría en comuñón coa cidade, coas amigas, co aire. Corría libre, profunda. Ela non o sabe, pero prometín escribirlle isto e aprender algún día a correr así. A pasar pola vida de verdade, saltando só entre palabras elementais.

A voz de Galicia (19.05.2023)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora