martes, 31 de xaneiro de 2023

Casa invadida

Morre en Alemaña o propietario da que podería ser a biblioteca privada máis grande de Westfalia, con ata 70.000 libros. Era un enxeñeiro de minas de Mettingen, que convertera a casa familiar nunha biblioteca, sendo el mesmo quen construíra e deseñara as estanterías.
O coleccionista era Bruno Schröder, que traballou baixo terra na mina de Ibbenbüren e faleceu o ano pasado aos 88 anos; a viúva vive agora nunha residencia de anciáns, e Renate Abeln, a titora legal da muller, busca persoas interesadas na colección. "Era unha persoa especial, moi reservada. Os seus libros eran sagrados para el. Rexistraba todos no ordenador e gravaba cada detalle", conta a supervisora Abeln, que o coñeceu persoalmente.
Leu todos eses libros? "Non, non creo. Pero algúns deles si", di Renate Abeln. "Pasou moito máis tempo recollendo os libros e atopando un lugar axeitado para eles na casa". O mineiro construíu el mesmo os estantes no seu pequeno obradoiro do soto, e a biblioteca esténdese por todos os recunchos de tellado para abaixo, mesmo no dormitorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora