sábado, 12 de novembro de 2022

Santaballa: Pedra Chantada do Carrizo

As pedras chantadas ou menhires son monumentos megalíticos erixidos por grupos de campesiños prehistóricos hai uns cinco mil anos. Pena Chantada de Santaballa ten unha forma fálica ou antropomorfa, máis visible na súa cara norte. O seu simbolismo pódese relacionar co culto ás encrucilladas.

O menhir está realizado sobre un bloque de cuarcita que foi trasladado desde os afloramentos que se sitúan a algo máis de 500 metros. Rolda os dous metros de altura e ten unha sección cuadrangular na maior parte da súa alzada. Na parte superior atópase unha especie de entalladura a partir da cal se desenvolve unha forma arredondada que configura a súa forma fálica. É un dos poucos menhires recoñecidos como tales en Galiza.

Atópase aproximadamente no centro dun numeroso grupo de enterramentos megalíticos que se distribúen ao longo dun camiño antigo, convertido en Camiño Real durante o século XVIII. Tamén vén marcar o límite das antigas áreas de cultivo respecto da inculta gándara.

A súa simboloxía relaciónase cos gardiáns dos camiños que protexen aos vivos das almas que pola noite vagan polos carreitos, podendo constituír os antecedentes prehistóricos dos cruceiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora