mércores, 12 de outubro de 2022

Pedra da Arca (Baíñas. Vimianzo)

É unha das antas mellor conservadas de Galiza. Apréciase ben a estrutura orixinaria do dolmen, con cámara poligonal e corredor de entrada desenvolvido cara ao leste, para que os primeiros raios do sol iluminen o interior. Nunha das lousas verticais consérvanse restos de pintura e gravados abstractos. As dimensións impresionan: a mámoa ten 28x30 metros de diámetro e só a tampa da cámara pesa arredor de quince toneladas. En 1933 os arqueólogos alemáns Georg e Vera Leisner tamén visitaron este dolmen.
No interior da cámara consérvanse tamén restos de gravados e pinturas vermellas prehistóricas. O motivo máis destacado dos gravados é un deseño localizado igualmente noutros dolmens do noroeste como Dombate, a Anta de Espiñaredo ou, perto do Douro, en Chá de Parada. Foi chamado «The Thing», pola arqueóloga irlandesa Elisabeth Shee e o termo popularizouse ata hoxe en día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora