venres, 15 de xullo de 2022

Ulises e Argos (Odisea, XVII, 290-327)

 Así falaban entre si. Entón un can que estaba tumbado levantou a cabeza e as orellas, o can Argos, a quen o valente Ulises criara, aínda que non puidera desfrutar del, pois antes marchara á divina Troia. 

Ao principio levábano os rapaces a perseguir cabras montesas, cervos e lebres, pero agora que o seu amo estaba ausente xacía abandonado entre o esterco de mulos e vacas que estaba amoreado ante a porta a fin de que os servos de Ulises o levasen para adubar os seus extensos campos. Alí estaba tumbado o can Argos, cheo de pulgas. Cando recoñeceu a presenza de Ulises, moveu a cola e deixou caer as orellas, pero non puido achegarse ao seu amo. Entón Ulises, que o viu desde lonxe, enxugou unha lágrima sen que se decatase Eumeo e preguntoulle:

«Eumeo, que raro que este can estea tirado entre o esterco. O seu corpo é fermoso, aínda que ignoro se, ademais de fermoso, era rápido na carreira ou, pola contra, era coma eses cans faldreiros que crían os seus amos por pracer.»

E, contestándolle, dixo o porqueiro Eumeo:

«Este can era dun home que morreu lonxe de aquí. Se o seu corpo e obras foron coma cando o deixou Ulises ao marchar a Troia, admirarías ao contemplalo a súa rapidez e vigor, xa que nunca saía fuxindo de ningunha besta na profundidade do mesto bosque cando a perseguía, pois tamén era moi hábil en seguir o rastro. Pero agora é un desgraciado, pois o seu amo morreu lonxe da súa patria e as mulleres no se ocupan del; e é que os servos, cando os amos xa non mandan, non queren facer os traballos que lles corresponden, pois o tonante Zeus lle quita a un home a metade da súa valía cando o alcanza o día da escravitude.»

Así dicindo, Eumeo entrou na morada, agradable para vivir, e foi polos corredores á procura dos ilustres pretendentes. E a Argos levouno a negra morte tras ver a Ulises despois de vinte anos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora