luns, 27 de decembro de 2021

Santa Fabiola, padroeira dos divorciados

Hoxe disque é o día de Santa Fabiola, padroeira dos divorciados e pertencente a unha familia de patricios de Roma, unha das 35 con dereito a voto, coma a dos Emilios, os Claudios, Cornelios ou Valerios.
Casada moi nova, contan que por violencia e malos tratos pediría o divorcio e lle foi concedido.
No cadro Fabiola con velo vermello de Jean-Jacques Henner,
aparece a santa vestida cunha ‘stola’ de cor vermella, que era a túnica que a muller romana empezaba a vestir despois das nupcias; sen embargo, este cadro está desaparecido desde principios do século XX.
O dato curioso e sobre o que se leva escrito moito é por que esa imaxe gustou a cantidade de artista anónimos ou case anónimos para reproducila, despois de que o artista belga Francis Alÿs conseguira reunir en mercados de pulgas, anticuarios... de máis de vinte países, uns trescentos retratos feitos a man sobre esta figura de Fabiola. Intentos de crear arte e non unha mera copia ou reprodución da obra orixinal, segundo o propio Francis Alÿs.
En todos os casos o mesmo perfil, sempre cuberto con velo vermello en diferentes tonalidades, con algunha excepción en verde, e sobre fondo escuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora