sábado, 19 de xuño de 2021

Cirrios

O cirrio (ou birrio) foi descrito e clasificado en 1758 por Linneo como hirundo apus, isto é, andoriña sen pés; logo, en 1777 Scopoli incluíuno no xénero Apus, que deriva do grego antigo apous 'ápodo, sen pés'. O castelán vencejo é unha corrupción da palabra oncejo 'fouce', en referencia á sillueta a ave ao voar. Dependendo da lingua, o nome alude a unha ou outra característica que se lle atribúe: en inglés é 'veloz', e en eslovaco 'o que foxe da chuvia'.

É unha ave migratoria, que se desenvolve ben nos medios urbanos e está en perigo de extinción polo importante descenso das súas poboacións, coma sucede coas andoriñas e os pardais. A súa vida é moi peculiar: están tan ben adaptadas a viviren no aire que poden pasar ata un ano sen se pousaren, mesmo bebendo, comendo e durmindo mentres voan dun xeito ininterrompido; para o descanso, desconectan a metade do cerebro, ascenden a altitudes de máis de 2000 metros para fuxiren dos depredadores, e reducen a frecuencia do aletexo, que pasa de 10 a 7 por segundo.

Os cirrios son monógamos, pero só durante a época de reprodución; ao emigraren a África co inverno macho e femia levan vidas separadas, pero cando retornan a Europa coa primavera xúntanse novamente na escuridade do niño. A nidificación, sempre nas alturas e en edificacións, pola considerable dificultade de ergueren o voo se caen ao chan, é o único tempo en que pousan; tamén son filopátricos, quer dicir, retornan sempre ao lugar onde naceron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora