domingo, 2 de agosto de 2020

Gonzalo López Abente e o mar de Muxía




 "O 24 de marzal do ano 1878 ás catro do serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei claramente un alto cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en cruz.

Aquel día escoitei a rapsodia máis sublime e fíxenme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantar polo mundo adiante…"


O mar!
O meu mar!
O mar que eu vexo,
nestes días de inverno,
gris, abalante,
inquedo, forte e rexo,
a cólera a roubar do fondo averno
e a bater nas orelas, escumante
de rabia e de furore, nun épico loitar!
Este mar que derruba coas paredes das hortas,
desfaise contra os cons e sobe polos cabos;
que corre polas rúas ribeiranas e tortas
entre as casas humildes dos mariñeiros bravos.
Este mar belicoso que a costa brava asedia,
que as ondas esnaquiza nunha branca fervenza
e en escumas de prata no cantil as destrenza...
é o gran creador dunha eterna traxedia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A música calada, a soedade sonora